Xavier LabandeiraFoto: Miguel Riopa
Son catedrático e director en funcións do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo e son membro permanente (director adxunto entre 2023 e 2025) do centro interuniversitario galego de investigación en ciencias sociais ECOBAS. Asemade, son investigador afiliado ao CEEPR do MIT e membro do Consello Científico do Real Instituto Elcano. Promovín e codirixín Economics for Energy, un centro de investigación sen ánimo de lucro que entre 2010 e 2026 estivo dedicado a crear e difundir coñecemento no ámbito da economía da enerxía e áreas afíns en España. Tamén formei parte do Grupo Intergobernamental sobre Cambio Climático da ONU (IPCC) para a elaboración dos seus Informes de Avaliación Quinto (2014) e Sexto (2022), respectivamente como autor principal e revisor editor. Adicionalmente, dirixín a Florence School of Regulation-Climate no European University Institute, a institución establecida polos estados membros da UE en Florencia para potenciar a investigación avanzada en ciencias sociais. A miña investigación sitúase na fronteira entre a economía climática, pública e enerxética: publico nas principais revistas académicas do meu campo e participo asiduamente, en ocasións como organizador, en congresos e seminarios académicos. Teño dirixido abundantes teses doutorais e proxectos de investigación, públicos e privados, e realicei estadías en varias universidades internacionais. Sempre perseguín que o meu traballo académico resposte, con rigor e neutralidade, a necesidades sociais e conte cunha ampla difusión en medios de comunicación, empresas e decisores políticos. Así, son membro do 'Policy Outreach Committee' de EAERE desde a súa creación en 2018 (Secretario Xeral en 2024-2025). Ademais, participei no Comité de Persoas Expertas para a Elaboración do Libro Branco sobre Reforma do Sistema Tributario Español (2022). A Academia Galega de Ciencias concedeume a medalla á traxectoria investigadora no ámbito económico e das ciencias sociais na súa primeira edición (2019).

Descargar CV
Galería de imaxes